CRTVG

Buscar

Cristóbal: "É a final máis importante porque non hai marxe de erro"

Publicado o 07/05/2021 19:50

O Rácing de Ferrol chega ao último partido da liga dependendo de si mesmo. Unha vitoria en Luanco garántelle a continuidade na Primeira Federación. Unha nova final coma recoñece Cristóbal Parralo:  "Vimos xogando finais continuamente e esta é unha máis, a última, quizais a máis importante porque non hai marxe de erro".

Un dos perigos que quere escorrentar Cristóbal é que aos seus xogadores lles poida a responsabilidade polo moito que hai en xogo. "Non hai que sobreexcitar, o que hai que facer é estar ben preparado, ben concentrado e hai que poñerlle todo o corazón, toda a coraxe do mundo pero tamén moita cabeza", sinala o técnico.

Hai unha enorme diferenza entre os dous equipos. O Rácing loita por salvarse, o Marino non ten xa obxectivos. Cristóbal discrepa: "Dise que non teñen nada en xogo. Non, non. Todo o mundo cando sae ao campo de fúbtol xoga por algo. A min, por exemplo, non me gusta perder nin nos amigables"

Unha vitoria despexa todas as dúbidas pero en Soria o Deportivo ben lle podería botar unha man no seu partido ante o Numancia, o rival co que pelexa o Rácing pola permanencia pero o adestrador departamental apunta: "Temos que estar centrados no que nós temos que facer, sen mirar máis aló e tentar gañar o partido que é o que nos dá a posibilidade de estarmos arriba"