Cristiano Ronaldo, positivo por covid-19

O internacional portugués Cristiano Ronaldo deu positivo nunha proba de covid-19 e abandonará a concentración da selección de Portugal, coa que ía enfrontarse á de Suecia este mércores.
A Federación Portuguesa de Fútbol (FPF) informou este martes nun comunicado do positivo do xogador, que está "ben, sen síntomas e en illamento".
Despois do positivo de Ronaldo, o resto de xogadores da selección de Portugal pasaron probas este martes e todos os resultados foron negativos.
O dianteiro da Juventus é o terceiro xogador de Portugal que dá positivo nas probas de covid-19, despois dos casos de José Fonte e Anthony Lopes.
Ronaldo, de 35 anos, foi titular o pasado domingo no partido que Portugal xogou en París contra a selección francesa, da Liga de Nacións.
Portugal volverá xogar este mércores un partido desta competición, ante Suecia, no Estadio José Alvalade de Lisboa.
O pasado 3 de outubro foron detectados dous casos positivos de covid-19 no equipo de adestradores da Juventus, polo que os xogadores e resto do corpo técnico tiveron que cumprir o illamento obrigatorio que marca a Dirección Xeral de Saúde de Italia.
Con todo, a propia autoridade sanitaria italiana denunciou que Ronaldo, ademais doutros futbolistas do club convocados polas súas seleccións, abandonou a corentena para concentrarse coa selección lusa e viaxar a Lisboa, onde o pasado 7 de outubro disputou un amigable contra España.
Tras coñecerse o positivo, está no punto de mira a foto que Cristiano compartiu o luns pola noite nas súas redes sociais, un selfie da cea de todos os futbolistas da selección con Ronaldo en primeiro plano coa lenda "Unidos dentro e fóra do campo".
Unidos dentro e fora do campo! #todosportugal pic.twitter.com/4bQSUIPm2m
— Cristiano Ronaldo (@Cristiano) October 12, 2020