Crise en Democracia Ourensana: varios edís reclámanlle transparencia a Jácome
Tras catorce meses á fronte do Concello de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome enfróntase á primeira crise pública ao perder a confianza dos seus propios concelleiros.
Segundo transcendeu nos últimos días, só un dos seis edís de Democracia Ourensana que acompañan a Jácome na corporación municipal lle segue sendo fiel.
Os críticos cuestionan a xestión personalista do alcalde e unha suposta opacidade na administración dos cartos que lle corresponden ao partido pola representación municipal.
Jácome, que hoxe impediu o acceso dos medios de comunicación á xunta de goberno local, só se pronunciou a través das redes sociais.
Atribúe as críticas a "intereses económicos espurios" e alude á súa "loita" para "evitar pelotazos urbanísticos". Tamén reiterou o seu compromiso coa cidade ata 2023, cando remata o actual mandato.
Democracia Ourensana goberna a cidade de Ourense en coalición co Partido Popular, con sete concelleiros cada un, dos 27 que compoñen a corporación municipal.