Crise en Ciudadanos coa saída do coordinador provincial e catro edís de distintos concellos ourensás
Agrávase a crise de Ciudadanos en Ourense. O coordinador provincial, Manuel Ribado, e catro concelleiros de Maceda, Punxín, Taboadela e Vilar de Barrio déronse de baixa na formación laranxa, a penas vinte e catro horas despois da marcha da que era a súa única deputada provincial, Montserrat Lama.
Segundo explican nun comunicado, vanse en desacordo coas negociacións da dirección galega de Ciudadanos respecto a unha posible moción de censura contra o presidente da Deputación ourensá, o popular Manuel Baltar.
Os edís incorpóranse ao grupo de non adscritos nos seus respectivos concellos, e anuncian a súa intención de se manter nos gobernos municipais de Punxín e Taboadela, onde apoian alcaldes do PP e do PSOE, respectivamente. Ciudadanos reclámalles que entreguen as actas.