Intensifícanse os cribados nos concellos de Ourense máis afectados polo coronavirus
• O concello de Narón sobe ao nivel vermello de alerta
• As cinco mortes deste domingo deixan a cifra de falecidos en 785 persoas
A área sanitaria de Ourense rexistra hoxe 1.482 casos activos e 86 novos contaxios. A día de hoxe Ourense, Barbadás e O Carballiño son os lugares onde se fan os cribados para detectar asintomáticos. As probas estanse a realizar en residencias de anciáns e colectivos de alta interacción social para detectar os positivos asintomáticos.
O persoal do SERGAS achegábase esta tarde a residencia dos Gozos, en Pereiro de Aguiar para facerlles o terceiro cribado dos últimos días. Está intervida pola xunta dende o pasado venres, aquí 153 maiores e 29 empregados están contaxiados de COVID. Na de Monterrei son 73 os afectados: 57 usuarios e 16 traballadores. Intensifícanse as probas nestes centros, pero tamén noutros colectivos como o dos comerciantes, a axuda no fogar ou a hostalería.
Os datos de hoxe na provincia de Ourense apuntan a unha certa estabilización, a un freo no número de contaxios: 86 nas últimas 24 horas e 1.482 casos activos. Na cidade de Ourense hai 533 persoas contaxiadas, unha máis ca onte.
Melloran os datos respecto os últimos días, pero a situación aínda preocupa, especialmente en Ourense e Barbadás, pero tamén na comarca do Carballiño onde hai 170 casos activos.
Na área sanitaria de Ourense hai 66 persoas hospitalizadas, dez delas están en coidados intensivos.