CRTVG

Buscar

Cribados masivos en tres concellos do Barbanza mentres aumentan os casos en Boiro

Publicado o 12/12/2020 20:05

Cribado masivo e case por vía de urxencia. As elevadas cifras de positivos en Boiro poñen o foco en Ribeira, Rianxo e A Pobra. Nos tres concellos estanse a facer 5.400 probas PCR ata o luns co obxectivo de descubrir posibles contaxiadores que non son conscientes de selo.

"Estamos cribando empresas da zona, dos concellos do Barbanza, para tentar detectar casos asintomáticos positivos nestas empresas. A intención é detectar cantos mais casos asintomáticos mellor", sinala Isabel Dieste, subdirectora de Enfermería do hospital do Barbanza.

As interaccións no mundo empresarial e laboral no Barbanza son a clave operativa nestas análises. Dous portos pesqueiros importantes e numerosas empresas propician unha mobilidade elevada entre os catro concellos da comarca.
"Puxéronnos un papel na empresa conforme se queriamos facer a proba e eu decidín vir para contribuír a que esta enfermidade ou pandemia non se expanda máis", sinala unha muller ao rematar a PCR. Outra explica: "Igual o teño e non sei, igual son asintomática e sen querer pégollo a miña nai, a miña irmá, a calquera".

Mentres, en Boiro seguen con restricións severas. Contrastaba unha animación evidente nas rúas cunhas taxas de contaxio moi elevadas. Son 202 os positivos, nove máis ca onte.

Esta é a percepción de dous veciños: "É triste, moi triste. Polo que sabemos seguen subindo os contaxios, a cousa non baixa". "Temos que ser un pouco más responsables, ter un pouquiño más de respecto, de conciencia e de consciencia".

Pola súa parte, o presidente da Asociación Boirense de Empresarios, Daniel Gracía, indica:  "Eu creo que os casos se van estabilizar, van baixar e esperemos que poidamos abrir o 22 ou 23. Iso sería a nosa lotaría, que poidamos estar coma antes".

Se se extrapolaran os datos de Boiro aos cen mil habitantes, os casos andarían preto dos mil, unha cifra que multiplica por máis de dez as dos concellos veciños do Barbanza.

Noticias web

12/12/2020