CRTVG

Buscar

Cribados entre a mocidade de Viveiro e Maceda para detectar asintomáticos

Publicado o 24/07/2021 21:32

Romper a cadea de contaxio é o único obxectivo dos cribados entre a mocidade que se fixeron esta fin de semana en Viveiro e Maceda. No concello da Mariña os casos contabilizados nos últimos sete días foron 137, o que leva a taxa de incidencia a superar os 250 casos por cada 100.000 habitantes a sete días. Os que acudían esta mañá facíano concienciados, o problema é como atallar os gromos provocados por asintomáticos que non se miran.

"A participación está sendo regular. Eu animaría a todas as persoas que reciban a invitación para participar que o fagan. Insisto en que é importante e a única forma que temos a día de hoxe de frear a pandemia neste grupo de idade sobre todo", di a directora do distrito sanitario da Mariña.

En Maceda, cun censo de algo menos de 3.000 persoas hai 30 casos activos, o que dispara a taxa de incidencia. Hai dez días eran 7 os infectados. Estaban convocados 427 veciños entre 16 e 40 anos e pasaron a facer a proba pouco máis da metade.

"Todos os da miña idade deberían facer unha proba para saber. Sáese moito e a incidencia está sendo nos da miña idade. Entón, é necesario para frear un pouco a situación que é fatal."

Os casos detectados permitirán avaliar cal está sendo a evolución do virus nestes concellos. Nas probas feitas en Maceda detectáronse dous positivos.

Noticias web

24/07/2021