CRTVG

Buscar

Cribados entre a comunidade educativa para frear as cadeas de contaxios

Publicado o 23/04/2021 15:24

Os expertos falan dun cambio de tendencia. A maioría de positivos pola covid nas aulas chegaban infectados de fóra dos colexios, pero agora non está claro se pode haber contaxios entre os alumnos. A área sanitaria da Coruña e Cee traballa nesta liña cos resultados que darán os cribados que están facéndose estes días.

 "Nos últimos días hai un discreto aumento de nenos entre 5 e 15 anos. O que se busca con estes cribados é desbotar que haxa transmisión entre eles", explica Ignacio Ramil, adxunto do Servizo de Medicina Interna.

A área sanitaria conta con 144 casos activos de coronavirus, 89 deles na cidade herculina, e ten unha aula pechada por Covid. Neste centro de Santa María do Mar fixeron a proba a 172 estudantes.

"O mércores fixeron un cribado aos alumnos de quinto e sexto de primaria porque apareceron dous casos neses cursos que se orixinaron fóra do colexio. Sanidade, moi prudente, decidiu cribar todos os alumnos deses cursos e tamén os seus irmáns", sinala Alfonso Trillo, director do Colexio Santa María do Mar.

Empeora tamén a situación no concello lugués de Chantada cun aumento notable dos casos entre os mozos, que semellan estar vencellados con varias festas. "Coméntase que houbo unha macrofesta de aniversario dun exalumno a onde asistiron universitarios, xente de bacharelato dos dous centros e tamén de 4º da ESO", indica Javier Conde, director do IES Lamas das Quendas. 

O Sergas tamén puxo en marcha cribados entre os rapaces de varios institutos de Chantada co obxectivo de detectar asintomáticos e frear as cadeas de transmisión.
 

Noticias web

23/04/2021