CRTVG

Buscar

Cribados cunha alta participación na Estrada e Ribeira

Publicado o 14/11/2020 21:11

Esta mañá comezaba o cribado poboacional entre os veciños de doce parroquias da contorna do val do Vea, na Estrada. Foron convocadas onte por sms unhas 2.500 persoas para toda a fin de semana.

E parece que a resposta está a ser boa. Durante a mañá acudiu o 87 por cento dos citados.
"Eu creo que é necesario, cantas máis medidas haxa mellor, ademais aquí hai un gromo bastante grande, na zona de Vea", di un veciño. Nos últimos sete días a situación da Estrada complicábase e pasaba ao nivel de alerta vermella. Con este cribado búscase detectar casos positivos asintomáticos.

"Detectamos que se estaba a descontrolar un gromo inicial que tiñamos localizado a comezos de semana, que xa nos daba uns 25 contaxios nos últimos catro días. Isto fixo que os datos da Estrada, que estaban totalmente controlados, comezaran a chegar a cifras preocupantes", di o alcalde da Estrada.

"Se hai xente asintomática polo menos que a cousa non evolucione a máis", "polo menos que a xente estea máis tranquila e isto non avance", "por responsabilidade hai que vir", aseguran os veciños.

Na localidade coruñesa de Ribeira tamén aumentaron os casos nas últimas semanas e están en nivel de alerta vermella, polo que tamén se está a realizar un cribado masivo.
Comezou o xoves e ata mañá domingo están citados na lonxa nova 5.500 veciños de entre 40 e 50 anos.

Este sábado pola mañá pasaron polas instalacións 510 participantes, dos 723 citados, algo máis do 70 por cento. Desde o concello pediron a máxima colaboración nestas probas.

Noticias web

14/11/2020