Cribado masivo entre os traballadores do porto de Vigo, atrás da pista da variante india
Os traballadores do Porto de Vigo estaban convocados hoxe a un cribado masivo, e paseniño foron pasando pola lonxa do porto pesqueiro do Berbés.
"Convocáronse 1.200 traballadores, e xa pasamos do 50%, que, para ser un cribado, é unha cifra alta", explicaba este luns ao mediodía Xesús Vázquez Almuíña, presidente da Autoridade Portuaria de Vigo.
Un cribado masivo co ollo posto na variante india da covid que presentan 19 dos contaxiados en Vigo. A meirande parte deles son da tripulación dos buques Prometeus e Emerald, con 6 hospitalizados en planta e outros 10 confinados a bordo.
"Xa ves, cos barcos, o que está atracado e os que van vir, isto propágase coma se nada", di unha das traballadoras, mentre que outra lamenta que "isto tíñano que ter feito dende moito antes, pero non está de máis".
Á marxe destes casos, evoluciona posiitivamente o home de 69 anos que ingresou en Fátima con outra patoloxía e que, ao dar positivo, levou a facer un cribado a todo o persoal da planta en que estivo, con resultado negativo. As autoridades sanitarias están pendentes da evolución de catro contactos estreitos do home, dos que unha, a súa esposa, deu positivo.
A paciente que se contaxiou na India evoluciona favorablemente no seu domicilio.