CRTVG

Buscar

Cribado masivo en Ribeira, Rianxo e A Pobra tras os gromos detectados en Boiro

Publicado o 12/12/2020 14:45

A comarca do Barbanza está nunha situación de vixilancia especial despois do aumento de casos en Boiro. A atención céntrase esta fin de semana tamén en Ribeira, Rianxo e A Pobra. 5.400 persoas destes tres municipios foron citadas polo Sergas a través de SMS para realizar probas PCR desde onte ata o luns. Trátase, sobre todo, de descubrir posibles asintomáticos que estean transmitindo o virus sen sabelo.

"Estamos cribando empresas da zona, dos concellos do Barbanza, para tentar detectar casos asintomáticos positivos nestas empresas. A intención é detectar cantos mais casos asintomáticos mellor", sinala Isabel Dieste, subdirectora de Enfermería do hospital do Barbanza.

Esa é unha das claves: a conexión empresarial e laboral. A extensión dos controis aos catro concellos do Barbanza ten que ver coa elevada interacción dos seus habitantes. Varias empresas e dous portos pesqueiros concentran unha mobilidade elevada entre os municipios.

A citación a través do telefono móbil para facer as probas está tendo unha resposta significativa entre os convocados: "Un 80 por certo aproximadamente houbo no día de onte e eu creo que é unha participción importante. Eu creo que ten que ser así ou máis. A xente ten que participar. Isto é algo voluntario claramente", explica Isabel Dieste.

Sanidade comunicou que este cribado masivo está relacionado coa aparición de positivos en toda a comarca do Barbanza que teñen a súa orixe en Boiro.

Noticias web

12/12/2020