CRTVG

Buscar

Cribado masivo en Ribadavia para frear a transmisión da covid entre os máis novos

Publicado o 08/07/2021 20:04

Máis da metade dos mozos de 16 a 30 anos que estaban citados ao cribado masivo de Ribadavia acudiron á cita. Realizouse para frear a expansión do virus, que se disparou nos últimos días, especialmente entre a xente nova.

O 62% dos casos confirmados de covid na área sanitaria de Ourense son menores de 30 anos e case un 80% de menos de 40. A xente nova, que adoita presentar unha sintomatoloxía leve, aínda que tamén hai ingresos, é a quen se dirixe este novo ciclo de cribados.

Ana Gómez, coordinadora dos cribados: "Nesta franxa de idade, a sintomatoloxía é inexistente ou moi leve, non o asocian á enfermidade. O importante desta proba é que nos vai axudar a detectar eses casos".

No caso de Ribadavia, a incidencia disparouse nos últimos días. Nunha semana multiplicouse por sete o número de positivos. Co cribado intentan frear a transmisión.

"Creo que é unha boa opción para saber canta xente está contaxia, para ter un control", comenta unha moza.

Acudiron algo máis da metade dos que estaban convocados.

"Eu tíñao claro porque, como xa o fixera unha vez, xa sabía como era" "Eu, antes de saber que me ía chegar a mensaxe, xa me interesaba vir se quedaban ocos porque, como están subindo os casos... Sobre todo polo meu entorno, máis que por min", din dous mozos.

O sábado hai outro cribado masivo, tamén para xente nova, en Expourense. Están convocadas 3.000 persoas da cidade e de Barbadás. Pódese pedir cita voluntaria na páxina do Sergas.

Noticias web

08/07/2021