Cribado masivo en Mos antes do peche perimetral do sábado

Tan só os tres concellos perimetrados e suxeitos desde o próximo sábado ao nivel máximo de restricións non se van beneficiar da ampliación das xuntanzas, porque neles só estarán permitidas entre persoas conviventes. Son os de Lobios, que xa está nese nivel a día de hoxe, A Pobra do Caramiñal, que volve completar o paso atrás apenas un mes despois, e Mos, onde van estrear esas medidas máis estritas desde que se iniciara a desescalada.
Hai preocupación entre os veciños de Mos que acudían ao cribado, conscientes da importancia da cita. En pouco máis de 48 horas terán que dar un gran paso atrás. Volven ás restricións máis duras e non queren escoitar falar de relaxación de medidas. Este non será o único cribado esta semana. O sábado hai outro previsto nunha superficie comercial.