CRTVG

Buscar

Crecemento do audiovisual galego: das primeiras series do 90 a entrar nas grandes plataformas

Publicado o 29/04/2021 21:33

Nas plataformas audiovisuais hai acento galego. Netflix ou HBO inclúen series feitas en lingua galega, e arredor de dez xa emitidas graváronse na nosa terra. Dende o sector audiovisual sitúan a orixe deste éxito na aposta que fixo a Televisión de Galicia nos anos 90.

"Este é o momento de que se recoñeza o traballo que se leva facendo en Galicia dende hai moitos anos", di Ghaleb Jaber Martínez, produtor executivo de CTV.

"É un pequeno milagre que un país tan pequeno coma o noso teña un audiovisual tan poderoso", di Alfonso Blanco, Fosco, director xeral de Portocabo.

Falamos con Fosco cando empeza a revisar a montaxe do primeiro capítulo da segunda temporada de 'Auga seca', a primeira serie en lingua galega do catálogo de HBO. "Funcionou fantasticamente. Estivemos durante semanas no top 5 nacional".

Falamos con Ghaleb entre os decorados a medio desmontar de 'O sabor das margaridas', a primeira serie en lingua galega do catálogo de Netflix. "Entrou no top 10 de contidos da plataforma Netflix a nivel global. Para nós era toda unha sorpresa que unha serie rodada en galego, gravada con actores e actrices do país, con técnicos do país puidese acadar tanto éxito".

Estes produtores ven a orixe destes éxitos a finais dos 90 na aposta da Televisión de Galicia, sobre todo coa histórica 'Mareas vivas'. "Despois diso, viñeron case dez ou doce anos en que houbo un volume de produción de ficción para a tele enorme. E aquela foi unha decisión a longo prazo que fixo que sexamos destacados a nivel nacional hoxe", resume Fosco.

"Eu creo que facemos audiovisual galego por dúas razóns. Primeiro, porque é un valor de marca, un trazo da nosa identidade. E segundo, porque todos temos que comer. É importante apostar dende Galicia polo audiovisual galego para non deixar que ese talento que vive aquí e quere vivir aquí non teña que emigrar a outras zonas", conclúe Ghaleb.

"E non hai que esquecer que Galicia é un estudio natural. Temos unha diversidade tremenda", engade Fosco.

E os novos mercados audiovisuais comezaron a descubrir Galicia, a terra e os seus profesionais.