CRTVG

Buscar

Crece a tensión no Perú: Castillo declárase vencedor e Fujimori intenta anular votos

Publicado o 09/06/2021 22:55
Crece a tensión no Perú: Castillo declárase vencedor e Fujimori intenta anular votos
EFE

A tensión creceu aínda máis este mércores no Perú ante a axustada definición das eleccións presidenciais, con Pedro Castillo considerándose gañador e Keiko Fujimori enfocada en tentar demostrar unha suposta "fraude sistemática" e anular así miles de votos do seu rival. Co 98,3 % dos votos contados, o esquerdista Castillo recibiu de momento o 50,2 % fronte ao 49,8 % da dereitista Fujimori, separados por unha estreita marxe duns 70.000 sufraxios que sitúan o profesor e líder sindical peruano moi preto da Presidencia.

O cálculo avanza moi lentamente coa revisión das actas que teñen algún tipo de observación técnica (1.186) e á espera de recibir aínda votos dos recunchos máis remotos do país. As matemáticas dan opcións a Fujimori, pero cada vez máis remotas. Os votos que faltan por chegar son de zonas abrumadoramente favorables a Castillo mentres que as actas que están a ser revisadas deberían ter un rumbo ao seu favor moi marcado para permitir a Fujimori remontar a diferenza. Nestas actas hai 443 con votos impugnados por ambos os partidos, 329 con erro nas sumas de votos, 98 con datos incompletos e 107 sen sinaturas.

Ante este escenario, o partido fujimorista Forza Popular ten intención de solicitar a anulación de miles de votos xa computados a favor de Castillo a través dalgúns dos grandes estudios de avogados de Lima, que están a revisar acta por acta en busca de presuntas irregularidades. Para iso deben probar claramente antes de que acabe a xornada do mércores que houbo algún tipo de fraude en cada unha das actas que cren sospeitosas, pois son votos que no momento de ser computados non foron impugnados.

Con todo, os informes preliminares das misións electorais da Organización de Estados Americanos (OEA) e a Unión Interamericana de Organismos Electorais (UNIORE) destacaron a corrección dos comicios. Está previsto que nas próximas horas miles de simpatizantes de Castillo vaian a Lima desde varias rexións do país para manifestarse en defensa dos resultados electorais. Ao mesmo tempo, algúns votantes de Keiko Fujimori convocaron por redes sociais unha mobilización para solicitar a intervención das forzas armadas e impedir que Castillo poida ser proclamado oficialmente presidente.

Fronte a ese movemento, o Ministerio de Defensa lembrou nun comunicado que "as Forzas Armadas non son deliberantes e están subordinadas ao poder constitucional, polo que calquera chamado a incumprir este encargo é impropio dunha democracia". Así, os militares reiteraron o seu compromiso coa Constitución, a democracia, o principio de neutralidade e o respecto á vontade popular expresada nas eleccións celebradas o pasado domingo. As Forzas Armadas tamén exhortaron a poboación a respectar os resultados e a traballar en unidade para fortalecer a democracia e impulsar o desenvolvemento do país.

Noticias web

09/06/2021