Crean unha bebida isotónica con auga das illas Cíes
Publicado o 05/05/2021 20:49
O fenómeno natural do afloramento trae á superficie as augas abisais, cargadas de nutrintes. E nun dos lugares do mundo en que iso acontece é na cara exterior das illas Cíes. Incorporar esas sales a unha bebida rehidratante deportiva chamada como a praia máis famosa do arquipélago é o reto duns emprendedores vigueses.
A Estación de Ciencias Mariñas de Toralla conta con sistemas de captación e de almacenamento desas augas. A través dun convenio coa Universidade de Vigo, Auga de Rodas poderá elaborarse a partir destes depósitos.
A fórmula xa está lista, só resta conseguir financiamento para saír ao mercado.