CRTVG

Buscar

Crean un servizo de axuda a mascotas no Camiño de Santiago

Publicado o 23/10/2020 19:53

Chipirón foi atropelado á beira do camiño de Santiago e agora estase a recuperar grazas a asociación hospitaleiros sen fronteiras. Para evitar que os cans que fan a ruta xacobea acompañando os seus donos sufran accidentes ou para auxilialos coa velocidade necesaria en caso de sinistro, a Asociación Protectora de Animais do Camiño vai poñer en funcionamento unha furgoneta que percorrerá a ruta ofrecendo os seus servizos gratuitos a cans e peregrinos.

"Axudamos a esa xente igual que a todos os peregrinos. Cada vez veñen máis cans e o que fixeron foi ampliar o servizo", di Jorge López da Asociación de Amigos do Camiño de Sarria.

Antes da redución drástica de peregrinos que trouxo a COVID, era cada vez máis habitual ver cans e cadelas acompañando os donos durante a ruta. Así, decidiuse crear a credencial canina, que recoñece o esforzo dos animais. Tamén xurdiron publicacións sobre os coidados os cans mentres fan o traxecto ou protocolos de aplicación en espazos pechados. A furgoneta da protectora tamén asesorará e dará a información necesaria sobre eses aspectos.

"Hai persoas que teñen a mascota como a un membro da familia. Hai pensións e albergues que non os admiten pero tamén os hai que si".

Prevese que a furgoneta estea cada día nun concello diferente do Camiño francés pero disposta a desprazarse de xeito inmediato a calquera punto.

Noticias web

23/10/2020