CRTVG

Buscar

Crean en Barcelona un sistema de navegación pioneiro para cirurxía fetal

Publicado o 18/11/2019 19:10

Son Julen e Liam con 18 semanas de xestación, son xemelgos comparten placenta e teñen a síndrome fetofetal, un deles pasa sangue ao outro constantemente. Se non se intervén, case nun cen por cento dos casos morren os dous.

Eduard Gratacós, director BCNatal: "Estamos intentando operar un paciente de 20 cm, que é como a palma dunha man, que parece manteiga, que está aboiando en líquido, que é extremadamente delicado, e por riba está dentro dunha nai que non está enferma".

Na cirurxía fetal cada placenta é diferente, cada caso é único, por iso o sistema empregado nesta operación é totalmente innovador. Os profesionais realizan un mapa en tres dimensións da placenta, un navegador único no mundo que lles permite actuar con maior seguridade e precisión.

Eduard Gratacós, director BCNatal: "Un GPS que me está dicindo en todo momento neste mapa tridimensional que teño creado, é como un xogo de ordenador e sei onde estou en todo momento. Ao avión engadínlle un sistema de navegación de moita seguridade e xa non dependo só do piloto que sexa moi experimentado. Cando se está facendo cirurxía de alta precisión, a diferenza entre a vida e a morte ás veces é dun milímetro".

Estes son Julen e Liam na actualidade, teñen 5 meses e están perfectamente sans. Melannie Bonet, nai dos xemelgos intervidos: "Se non facemos a operación ía abortar, dixéronme que era a mellor solución. Se agardara máis, non sairían adiante os pequenos".

O sistema foi desenvolto polos hospitais Sant Joan de Deu e o Clínic de Barcelona, xunto a universidade Pompeu Fabra. Desde xaneiro fixeron 20 intervencións con esta técnica, todas de transfusión fetofetal, máis adiante agardan utilizala para cirurxías de tumores do feto.

Noticias web

18/11/2019