No resto de España, festas e comidas en parques que fixeron intervir a policía
Primeira fin de semana cos bares e restaurantes pechados en Cataluña. Foron moitos os que decidiron comer en lugar públicos como parques e praias, unha actividade tamén prohibida. En Barcelona de madrugada desaloxaran máis de medio milleiro de persoas por incumpriren as medidas sanitarias. Nunha masía de Tarragona clausuraron unha festa con 130 asistentes. Localidades lindeiras, como Vinaroz, na provincia de Castellón, viron aumentar os visitantes desta comunidade en que se notificaron o domingo 2835 novos contaxios e 16 falecidos.
Na comunidade valenciana aumentan os contaxios, detectaron máis de 1.700 en dous días e os ingresos hospitalarios disparáronse un 45 por cento en dúas semanas. Na universidade politécnica de Valencia, os alumnos quéixanse do prexuízo que lles causa a suspensión das clases presenciais pola expansión do coronavirus que alimentaron varias festas.
En Euskadi, rexistraron 743 positivos nun día e doce localidades están en alerta vermella por rebasar os 500 casos por cen mil habitantes. Entre elas Lekeitio.
En Andalucía detectaron máis de 2.500 positivos o domingo, a terceira maior cifra da segunda vaga, e nove falecidos, pero baixaron lixeiramente os hospitalizados. Granada é a provincia máis afectada. Alí avalían as restricións de xeito desigual.
Asturias está en máximos; 269 infectados en 24 horas supoñen a cifra máis alta que rexistraron nunca. O goberno foral de Navarra debate hoxe o posible confinamento da capital, Pamplona.