Covadonga Toca: "O sector industrial é o que máis perfís profesionais demanda"
Hoxe, no tempo da entrevista do Bos Días falamos sobre o balance dos datos do paro con Covadonga Toca, secretaria xeral de Emprego.
Onte coñeciamos os datos do desemprego en Galicia e no conxunto de España, e tamén os da afiliación á Seguridade Social. No que se refire ao paro, é o mellor dato dende 2008, cunha redución do 8'5%, dous puntos por riba da media española. Porén, en canto á afiliación, decembro foi o quinto mes consecutivo no que se perden afiliados.
- Niveis de paro e afiliación en Galicia
"En Galicia estamos en niveis de paro inferiores a hai dez anos, un aspecto moi importante porque somos unha comunidade cun descenso interanual do 8,5% e a terceira comunidade onde máis baixa o paro. Pero tamén crecemos en afiliación, temos máis de 20.000 afiliacións con respecto ao ano pasado".
"Estamos no camiño da creación e da recuperación de emprego, de feito temos recuperado máis do 54% de empregos desde o comezo da crise. Os datos moitas veces son difíciles de explicar pero si que temos que falar de tendencias, e é que superamos o millón de afiliacións e que hai unha tendencia que se mantén. Hai que mirar o mercado laboral de xeito global, senón é moi difícil de explicar".
- O sector industrial, o máis demandado
"O noso mercado de traballo é moi cambiante porque estamos nun contexto de cambio tecnolóxico, nunha nova era, e hai uns determinados sectores económicos que son máis puxantes e onde as tecnoloxías están facendo demandas de peroas do ámbito TIC, pero o sector industrial é o que máis está demandando perfís profesionais. Por iso, o importante é axustar e analizar as capacidades das persoas que temos en desemprego para buscar alternativas. A Xunta de Galicia foi pioneira poñendo en marcha un programa, 'Unidades formativas na empresa', para que sexa a empresa, en función das súas necesidades, que poida adaptarse: saber que demanda, que necesita e que perfís".
- Medra a contratación indefinida e os contratos a xornada completa
"Analizando os datos de maneira global podemos falar de que o emprego vai mellorando. A contratación indefinida con respecto ao último ano medra máis dun 16% e medra tamén a contratación indefinida a xornada completa. Son indicadores de que a situación vai mellorando. A tasa de estabilidade en Galicia supera o 65%".
- A importancia da formación
"Estamos convencidos de que formando en competencias axustadas ás demandas profesionais lograremos que se axuste o mercado de traballo. Impulsamos unha formación á carta e para dar resposta ás necesidades das empresas. No 2018 puxemos en marcha que as persoas desempregadas elixan os cursos nos que estén interesados para anotarse e definir ben o seu perfil. A Xunta aposta por unha formación dual e flexible para prepararnos cara ao emprego do futuro".
- Sobre os autónomos
"Os autónomos representan sobre un 21% do total das afiliacións. De feito, ten máis peso que a media do estado español. O que é impostante e que as persoas que decidan ser autónomos o fagan con propostas sostibles e viables, de aí a importancia de contar cun bo asesoramento".