CRTVG

Buscar

Coudet: "Non estou pensando en canto lle podemos recortar á Real Sociedade"

Publicado o 21/04/2021 21:23

• O adestrador recupera a Santi Mina e Néstor Araújo

Temos xornada de liga entre semana. O Celta viaxa mañá a Donosti para enfrontarse á Real Sociedade. Santi Mina e Néstor Araújo, recuperados das súas lesións, están dispoñibles para que Coudet poida aliñar o seu once de gala. Moi distinto é este partido do que se disputou na primeira volta, cos vascos de líderes e o Celta en descenso. Agora os obxectivos son outros. Os vigueses, situados na metade da táboa, non desbotan a posibilidade de rabuñarlle puntos á Real para non perder de todo a carreira por lograr algo máis que unha permanencia, case asegurada.

Nove puntos separan o Celta do sétimo clasificado e flamante campión de Copa.
E para Eduardo Coudet a Real Sociedade non é un rival directo senón un equipo da zona alta.

Coudet: "Non estou pensando en canto lles imos recortar, senón no partido en si".

Confesa que quedou frustrado co empate de Cádiz, e iso que agardaba un rival repregado.

Coudet: "Pero non tan repregado! Co oitenta por cento de posesión, doeunos perder dous puntos".

A Real Sociedade xoga a outra cousa.

Coudet: "Aínda cando non se lle deron os resultados, nunca traicionou a súa idea. Iso é un gran mérito".

O partido da primeira volta en Balaídos, aínda con Òscar García, saldouse con goleada para os donostiarras, 1-4. O gol do Celta marcouno Iago Aspas de penalti, para non faltar á cita. A Real Sociedade é unha das súas vítimas favoritas, despois do Sevilla: dez goles en 18 partidos.

Noticias web

21/04/2021