CRTVG

Buscar

Coudet: "Gañamos malia as dificultades para armar o equipo"

Publicado o 13/05/2021 00:03
EFE

Eduardo Coudet, adestrador do Celta de Vigo, destacou a importancia do triunfo sumado ante o Xetafe (1-0), nun partido “nada lindo” no que acusaron o “esforzo físico” realizado o pasado domingo en Vilarreal, fronte a un rival “duro” e que sabe “cortar moi ben” o xogo.

“Fixemos un esforzo físico moi importante contra o Vilarreal e hoxe custounos. Notouse nas imprecisións ante un rival que pide un partido físico. Non me pareceu un encontro lindo. Foi moi cortado e eles tiveron un par de chegadas claras. Sacámolo adiante a pesar das dificultades para armar o equipo”, puntualizou.

O arxentino eludiu falar da candidatura do seu equipo a unha da prazas europeas porque “non queremos mirar máis aló do partido contra o Barça, así sacamos os puntos que temos e iso non vai cambiar, o noso enfoque sempre está no próximo partido”. “Vai ser difícil porque nos enfrontamos a un equipo de xerarquía, que ten o mellor futbolista do mundo, pero estou seguro de que seremos capaces de competir”, indicou Coudet, que non cre que aos seus lles beneficie o tropezo azulgrana ante o Levante porque “para eles non cambia nada”.

Outra das lecturas positivas que sacou o técnico celeste do encontro desta noite é “o bo rendemento” dos menos habituais: “Demostra que melloramos moito a competencia interna. Cando tiñamos moitas modificacións sufriamos futbolísticamente e nos resultados”. “Fálase do fondo de armario porque, evidentemente, non temos dous xogadores por posto para soster unha forma de xogar.Xógase ao que se quere ou ao que se pode. Imos adaptando, e seguimos crecendo”, subliñou Coudet, que recupera ao central mexicano Néstor Araujo para o duelo no Camp Nou.