Coudet: "Estou moi ilusionado. O Celta supón un gran desafío"
• Xa está en Vigo e este sábado dirixirá o primeiro adestramento do Celta
O arxentino Eduardo Chacho Coudet asegurou este venres que fichar polo Celta de Vigo é “un gran desafío” na súa carreira como adestrador, na que será a súa primeira experiencia no fútbol europeo tras unha curta, pero exitosa, carreira en Suramérica. “Veño con moitas ganas. Elixín o Celta porque é un club que xa coñezo e supón un gran desafío para min”, comentou á súa chegada ao aeroporto de Vigo, contra as nove da noite, onde foi recibido polo director deportivo do club, Felipe Miñambres, e o exfutbolista Atilano Vecino, responsable de relacións externas.
Coudet dixo non estar preocupado “por nada” a pesar da delicada situación clasificatoria do Celta, cun só punto de vantaxe sobre a zona de descenso, e insistiu en que a súa chegada ao fútbol español é “un enorme reto”. “Eu tamén teño unha grande ilusión, estou a desexar empezar a traballar e espero que as cousas saian ben”, comentou o exadestrador do Internacional de Porto Alegre, o que deixou como líder do campionato carioca.
Ás preguntas sobre a posibilidade de que o dianteiro croata Mario Mandzukic reforce o Celta ao atoparse sen equipo, o adestrador celeste dixo: “Non podemos falar de nada, primeiro temos que acomodarnos”.