CRTVG

Buscar

Cos casos de covid−19 disparados, o Reino Unido estrea o "Día da Liberdade"

Publicado o 19/07/2021 11:06
Cos casos de covid−19 disparados, o Reino Unido estrea o "Día da Liberdade"

Desde este luns, xa chamado "Día da Liberdade", o Reino Unido elimina as últimas restricións legais pola pandemia e o uso das máscaras xa non é obrigatorio dentro dos locais a pesar de que os contaxios diarios continúan roldando os 50.000.

Segundo os últimos datos oficiais divulgados este domingo, o conxunto do país rexistrou outras 48.161 novas infeccións por covid−19 nas últimas 24 horas e outras 25 mortes pola enfermidade.

Non obstate, desde hoxe xa non haberá límites por lei no número de persoas que poden xuntarse en espazos pechados ou asistir a eventos, mentres que os locais nocturnos abriron as súas portas xa na medianoite.

A utilización de máscaras é recomendable nalgúns lugares aínda que xa non son obrigatorias.

O primeiro ministro británico Boris Johnson, confinado tras estar en contacto co responsable de Sanidade Sajid Javid, positivo por covid−19, instou a cidadanía a que se comporte con "cautela".

A retirada das restricións acométese a pesar de que a comunidade científica se mostra contraria; prevese que as infeccións no país alcanzarán os 200.000 casos ao día a finais de verán.

Con todo, con máis do 68 % da poboación adulta británica vacinada, estímase que as hospitalizacións, as enfermidades graves ocasionadas polo virus e as mortes por covid−19 situaranse en niveis mínimos en relación cos peores momentos da pandemia.