CRTVG

Buscar

Sen auga da traída en Muxía por ter bacterías sospeitosas de causar gastroenterites

Publicado o 01/10/2021 14:11

As primeiras análises da auga do abastecemento municipal de Muxía apuntaban a que non había problema de potabilidade, pero o resultado dos cultivos de 24 horas levaron o alcalde a ordenar o peche da subministración. Baleirar os depósitos e limpalos son as tarefas inmediatas.

Porque a analítica máis profunda desvelou esta mañá a existencia de bacterias na auga en valores non axeitados para o consumo humano.

Pouco antes, entre os habitantes da vila e do concello muxián permanecía a incerteza sobre a orixe de ducias de casos de gastroenterite, como o que tivo Astrid.

Unha veciña de Muxía conta que "moítisima xente se puxo mala, case toda na tarde e noite do mércores. Pero moitítimas persoas, polo que oín; unhas corenta en urxencias". Á pregunta de que síntomas teñen esas persoas di: "Os que tiven eu, supoño. Moitos vómitos. Na miña casa somos dúas e pasamos toda a noite do mércoores para o xoves vomitando e bastante mal, con dor".

Outra muxiá afirma que oíu que "había motísima xente no hospital, pero que non sabe de que é". "Din que hai. Agora que eu, non o sei" di outro veciño. "Non sei cal é motivo", sinala outro.

Entre os afectados por vómitos, diarrea ou dores abdominais hai moitos rapaces e rapazas. No IES Ramón Caamaño eses síntomas deixaron hoxe na casa 55 escolares dos 78 que integran o seu alumnado.

No centro dos pequenos, un total de 35 matriculados, 24 tiveron que quedar na casa polo mesmo motivo. No centro de saúde a primeira hora desta mañá eran continuas as chamadas de persoas pedindo consulta e como combater as molestias da afección. "Onte seixa estaban no hospital bastantes afectados de aquí de Muxía, unhas vintecinco me dixeron".

O consumo da auga da rede municipal quedou prohibido e o Goberno municipal de Muxía púxose a xestionar o fornecemento con auga envasada para garantir as necesidades da veciñanza.

O servizo da rede pública, di o alcalde, retomarase unha vez estea rematada a limpeza dos depósitos e a auga acade valores óptimos para o consumo.

Noticias web

01/10/2021