CRTVG

Buscar

Correos intercepta unha carta para Ayuso con dous proxectís

Publicado o 27/04/2021 23:10
Correos intercepta unha carta para Ayuso con dous proxectís

Os sistemas de seguridade de Correos detectaron este martes dúas novas cartas con proxectís dirixidas á presidenta da Comunidad de Madrid Isabel Díaz Ayuso e á directora da Garda Civil María Gámez, informaron fontes do Ministerio do Interior.

A seguridade de Correos do centro de distribución en Sant Cugat (Barcelona) detectaron unha carta que tiña como destinataria a Isabel Díaz Ayuso e que contería dous proxectís. Estes feitos foron trasladados xa polo Ministerio do Interior á Presidencia da Comunidade de Madrid.

Os sistemas de seguridade de Correos no Centro de Tratamento Automatizado (CTA) de Vallecas detectaron tamén hoxe unha carta que tiña como destinatario a Dirección Xeral da Garda Civil e que contería catro proxectís.

As Forzas e Corpos de Seguridade atópanse xa investigando estes feitos, como fixeron a semana pasada con senllas cartas tamén á directora da Garda Civil, ao ministro do Interior Fernando Grande Marlaska e ao líder de Unidas Podemos Pablo Iglesias.

Posteriormente, a ministra de Industria Reyes Maroto recibiu outro sobre cunha navalla no seu interior, polo que se identificou o seu remitente, un veciño do Escorial (Madrid) cun problema de saúde mental que enviou outras cartas ameazantes, entre outras, á Embaixada de Turquía.

Segundo as citadas fontes de Interior, o Goberno reaccionou a estas novas cartas expresando a súa "condena con rotundidade" e trasladando a súa solidariedade tanto á presidenta de Madrid como á directora xeral da Garda Civil.

A presidenta da Comunidad sinalou nunha entrevista que "ante a violencia, serenidade e desprezo". asegurou que se decatou da noticia pola prensa e que falou co presidente da formación Pablo Casado.

Tamén comentou que o equipo do Ministerio do Interior tentou contactar con ela e avanzou que "logo falará con el", en referencia ao titular de Interior Fernando Grande-Marlaska. "A importancia que ten é ningunha", aseverou a presidenta madrileña. "Esta xente busca o seu minuto de gloria. Non lles vou dar o gusto", exclamou. Tamén criticou que "non se pode falar disto todo o tempo" porque, segundo engadiu, se crea "efecto chamada".