Corbyn comprométese a convocar un segundo referendo sobre o 'brexit'
Jeremy Corbyn traza nun artigo en The Guardian a súa proposta sobre o brexit. Pasa por forzar un adianto electoral para intentar desbancar a Boris Johnson. Unha vez primeiro ministro, o líder laborista renegociaría un novo acordo de saída con Bruxelas que promete someter a referendo popular. En caso de perdelo, o Reino Unido quedaría na Unión. Jeremy Corbyn, líder do Partido Laborista, di que "somos o único partido que lle ofrece á xente unha elección".
Corbyn, a quen moitos reprochan a súa ambigüidade neste asunto, promete que o executivo permanecería neutral nesa eventual segunda consulta. Entre tanto, a conta atrás para o brexit continúa sen avances na negociación entre Boris Johnson e a Unión Europea. O presidente da Comisión, Jean Claude Juncker, di que non se alterará o acordo en vigor a non ser que Londres ofreza algunha alternativa á chamada salvagarda irlandesa, algo que de momento non sucedeu. O Parlamento Europeo aprobou por ampla maioría que non haberá máis prórrogas despois do 31 de outubro a non ser que Londres organice un referendo, convoque eleccións anticipadas ou poña sobre a mesa algún outro obxectivo concreto.