CRTVG

Buscar

Copiosa nevarada no centro xeográfico de Galicia

Publicado o 04/12/2020 15:06

A nevarada que caeu esta maña, sobre todo entre as dez e as once, en Dozón, sorprendeu máis dunha persoa das que viven ou traballan nesta área entre os altos de San Martiño e Santo Domingo. Estaba anunciada, pero agardaban unha cantidade irrelevante, como fora a última, en xaneiro. E ante esta copiosa nevarada, o tema de conversación estaba claro: "Está a caer unha cantidade enorme, foi desde as nove da mañá, máis ou menos que se formou unha boa capa".

Dúas máquinas quitaneves traballaron seguido para manter transitable a estrada e a autoestrada. Aínda así, houbo quen preferiu non arriscar na condución ou saír antes de que nevara máis, como comentaban algúns traballadores. "É moi bonito, pero fai a condución perigosa. Moi perigosa. Vou saír axiña de aquí, senón xa nin saímos" dicían. Outros confirmaban a perigosidade de circular con este tempo: "Tiven que parar, porque non se presta a estrada para andar co camión".

Este mediodia, a autovía AG-53 tivo que ser cortada ao tránsito debido a que varios vehículos quedaron atravesados.

Entre as incidencias da mañá, un transportista, que circulaba entre Chantada e Rodeiro, estivo co camión parado no alto do Faro dúas horas ata que a quitaneves despexou a estrada. E no alto da Rocha, entre os concellos da Estrada e Silleda as máquinas tamén tiveron traballo esta mañá para manter transitable o asfalto.

Noticias web

04/12/2020