CRTVG

Buscar

Condenado a 22 anos e medio de cárcere o expolicía que matou a Floyd

Publicado o 25/06/2021 23:00
Condenado a 22 anos e medio de cárcere o expolicía que matou a Floyd

O expolicía Derek Chauvin foi condenado este venres na localidade estadounidense de Mineápolis (no estado de Minesota) a 22 anos e medio de cárcere polo asasinato do afroamericano George Floyd en maio de 2020, dos que cumprirá quince en prisión.

O xuíz Peter Cahill leu a sentenza nunha sesión celebrada no tribunal do condado de Hennepin onde, no mes de abril, un xurado declarouno culpable do asasinato de Floyd.

Antes de anunciar a súa decisión, Cahill fixo fincapé en que a súa resolución está fundamentada nos feitos sobre un caso específico e individual, e non na opinión pública. "Non está baseada nas emocións ou na compaixón", asegurou.

Aínda así, "quero facer un recoñecemento á profunda e tremenda dor que todas as familias están a sentir, especialmente a familia de Floyd.Teñen a nosa compaixón", dixo o maxistrado.

Chauvin foi declarado culpable de asasinato involuntario en segundo grao, penado con ata 40 anos de cárcere; asasinato en terceiro grao, cunha condena máxima de 25 anos; e homicidio involuntario en segundo grao, que carrexa ata 10 anos de privación de liberdade.