CRTVG

Buscar

Convócase un cribado para 5.000 persoas en Ponte Caldelas e Moraña

Publicado o 02/02/2021 18:11
Convócase un cribado para 5.000 persoas en Ponte Caldelas e Moraña

O Servizo Galego de Saúde anunciou hoxe que realizará a partir de mañá mércores senllos  cribados nos municipios pontevedreses de Moraña e Ponte Caldelas para detectar asintomáticos, probas ás que convocou unhas 5.000 persoas.

En ambos os casos esta medida está xustificada ante a incidencia acumulada a 14 días, con máis de 1.200 e máis de 900 casos por cada 100.000 habitantes, respectivamente.

Para o  cribado en Moraña, que as autoridades sanitarias farán mediante probas rápidas de  antíxenos, citouse toda a poboación do municipio que ten entre 40 e 79 anos, unhas 1.900 persoas.

No caso de Ponte Caldelas, as mostras recolleranse tamén mediante tests de antíxenos entre as persoas desas mesmas idades, no seu caso unhas 3.000.

Os cribados faranse nos centros de saúde de ambas as localidades e estarán coordinados por tres equipos de enfermeiras en cada quenda, durante o próximos tres días, catro no caso de Ponte Caldelas.

Os resultados negativos destes cribados serán comunicados aos pacientes por SMS, mentres que os positivos notificaranse contactado directamente con cada persoa por vía telefónica para activar o protocolo de illamento correspondente.