Convocan a un cribado máis de 32.000 veciños de Cambre e Culleredo
Hai quen ten tanto interese en participar no cribado que pasa a ver o sitio un día antes da cita.
"Vou vir, por suposto. Creo que é moi importante que veña todo o mundo para localizar asintómaticos e axudar a que pase todo isto", di unha das veciñas convocadas.
Ao longo da mañá remataba a instalación do dispositivo que atenderá durante 10 días máis de 32.000 veciños de Cambre e Culleredo. Atenderanos por dúas portas diferentes deste mesmo parque de Acea da Ama, onde, ademais de asistencia, piden puntualidade.
Xosé Ramón Couceiro, xefe da Policía de Culleredo: "O primordial é que sexa seguro e para iso é importante que a xente veña o máis cerca posible da hora da convocatoria".
Ambos concellos teñen unha incidencia acumulada a 14 días duns mil casos. Unha cifra que preocupa sobre todo pola alta mobilidade laboral que teñen coa área metropolitana da Coruña.
Óscar Patiño, alcalde de Cambre: "Imos traballar a Arteixo, a Oleiros, a Coruña... é importante ir facer o cribado para saber se temos que confinarnos e non seguir contaxiando se somos asintómaticos".
Este cribado súmase aos realizados estes días en Arteixo, Carral, A Laracha e A Coruña cidade. En total máis de 200.000 probas na mesma área sanitaria para dar con aqueles que poderían estar contaxiados, mesmo sen sabelo.