CRTVG

Buscar

Convocan 9.000 persoas de Redondela e Salceda a un cribado masivo

Publicado o 08/02/2021 17:42
Convocan 9.000 persoas de Redondela e Salceda a un cribado masivo

O Servizo Galego de Saúde (Sergas) comezou a citar a 9.000 habitantes asintomáticos de Redondela e Salceda de Caselas para que acudan desde este luns ao Covid-Auto do hospital Meixoeiro e participen nun cribado poboacional masivo con test PCR que durará toda a semana.

Aínda que en Redondela xa se realizou un cribado deste tipo en decembro, a alta incidencia da covid-19 que se rexistra na localidade levou á Consellería de Sanidade a incluíla tamén.

De Salceda citarase a un total de 3.000 persoas e con elas a área sanitaria de Vigo completaría o cribado en toda a comarca de Louriña, posto que xa se realizou un cribado en Mos e estase realizando outro en Porriño.

O obxectivo destes cribados voluntarios, como lembra Sanidade, é localizar ao maior número posible de positivos asintomáticos, considerados un risco para a saúde pública.

Está a ofrecerse participar a persoas de entre 20 e 70 anos que non se someteron a ningún test PCR no que vai de ano e que estean inscritos no sistema ‘Lembra’, o cal autoriza ás autoridades sanitarias a enviar notificacións aos usuarios a través de mensaxes SMS.