Convocados máis de 5.000 veciños de entre 40 e 50 anos para participar nun cribado en Carballo
Publicado o 27/04/2021 15:33
Son os primeiros veciños que acoden á citación do Sergas para participar neste novo cribado que se realiza en Carballo. O incremento de casos non pasa desapercibido, nin para as autoridades sanitarias nin para a veciñanza. Só nos últimos 7 días detectáronse 29 novos casos activos que suman xa 39 na capital bergantiñá.
Tamén os hostaleiros teñen a ollada posta nesta evolución dos contaxios. Polo de agora, Carballo mantense no nivel medio-baixo de restricións pero saben que unha repunta significativa pode supoñer un endurecemento das medidas. Para atallar canto antes esta lixeira repunta dos contaxios, dende hoxe e ata o xoves 5.160 carballeses de entre 40 e 50 anos serán citados para realizar unha proba PCR no centro de saúde da localidade.