Convocadas protestas en Cervo e unha asemblea tras remataren sen acordos as negociacións con Alcoa
• Diego Ballesteros, membro do comité de empresa de Alcoa-San Cibrao: "O único que vemos no horizonte é a vía xudicial"
Imaxe en directo dos arredores da factoría de Alcoa. Rebentou a negociación. A última reunión cos sindicatos para negociar o plan de despedimentos tamén rematou sen acordo, e cos ánimos moi quentes.
Hoxe, hai convocadas protestas en Cervo. Tamén unha asamblea para decidir os seguintes pasos. A empresa ten agora quince días para organizar o despedimento colectivo. En xogo hai un milleiro de postos de traballo. No último comunicado, Alcoa di que negociou de boa fe. Pero nin o Goberno, nin a Xunta nin os propios traballadores cren nesa boa vontade.
Situación crítica en Alcoa. Tras fracasar a venda da planta de San Cibrao, fracasou tamén a negociación do axuste de emprego. Rotas as negociacións na comisión negociadora do ere, Alcoa comunicoulles aos representantes sindicais que só hai dúas opcións: ou o despedimento colectivo do 85 % do cadro de persoal da factoría de San Cibrao ou ben un ERTE que podería afectar a 534 traballadores da fábrica de aluminio primario e mais aos empregados das compañías auxiliares. Os traballadores rexeitan calquera das dúas propostas de Alcoa. Acúsana de actuar de mala fe por romper as negociacións á última hora con Liberty e por rexeitar a oferta do Ministerio de Industria de comprar a factoría a través da SEPI para logo venderlla a Liberty.
Segundo o comité de empresa, a multinacional condicionou a despedimentos asinados unha ampliación do prazo de negociación coa SEPI para a venda da fábrica.
José Antonio Zan, presidente do comité de empresa: "Non entendemos como poden dicir que a SEPI non fixo propostas razoables. Eles do único que querían falar era dun proceso pechado en falso, cun ERTE ou ERE que ao final consumía o paro dos traballadores e non tiña sentido ningún. As solucións estaban enriban da mesa, que eran buscar ese proceso de venda pola SEPI avalado polas dúas administracións".
Ante esta situación, Xunta e o Goberno central fan fronte común e cargan contra Alcoa. O conselleiro de Economía acusa a multinacional de traizoar a confianza dos traballadores e das administracións. No Ministerio de Industria falan de mala fe.
Raúl Blanco, secretario xeral de Industria: "Confírmanos a súa mala fe. Hai un socio industrial para os próximos 20 anos, nin dous, nin tres; 20 anos. Hai alguén que quere seguir producindo aluminio primario e, polo tanto, non hai ningún motivo para seguir sometendo a este sufrimento os traballadores".
Francisco Conde, vicepresidente segundo e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación: "A posición durante todo o proceso do Goberno de España e da Xunta de Galicia foi común. Foi unha decisión unánime das dúas administracións; esperamos que Alcoa poida mudar a súa situación e poida atender a razóns. Non hai ningún argumento que nestes momentos poida xustificar esta decisión por parte de Alcoa".
O comité de empresa demanda que Alcoa dea unha prazo de 15 días ou 20 ou un mes para lograr un acordo coa SEPI e non desbota acudir á xustiza se a multinacional aposta polos despedimentos.
Alcoa, que asegura que negociou de boa fe, ten agora 15 días para tomar unha decisión sobre a planta de aluminio.