CRTVG

Buscar

Converten un vagón de tren nun espazo de 'coworking' nun antigo apeadoiro de Vedra

Publicado o 25/02/2021 15:13

Un vagón do mítico tren coñecido como Camello vai converterse en espazo de coworking no antigo apeadoiro de Santa Cruz de Ribadulla, en Vedra, A Coruña. O vagón está restaurado e en breve sairán as bases para que novos emprendedores opten a usalo como oficina compartida.

Cando a estación de tren de Santa Cruz de Ribadulla deixou de ser apeadoiro, empezou a deteriorarse. Ata que o Concello decidiu rehabilitar as instalacións, convertidas agora en centros de formación e naves para actividades socioculturais. O último en incorporarse a este espazo é o vagón dun tren que chegou de Monforte, onde estaba abandonado, vandalizado e en estado ruinoso. Actualmente está restaurado para que poida usarse como lugar de traballo compartido.

"É unha secuencia de espazos, a primeira unha zona de auditorio, a segunda unha sala de traballo propiamente e esta que ten continuidade coa sala do maquinista, é a sala de xuntas, reunións, onde se poden facer cousas diferentes. Isto é unha arquitectura singular, porque é unha arquitectura da industria onde todas as pezas encaixan, onde hai diferentes materiais, aluminio, ferro, paneis de fibra", explica o arquitecto Fermín Blanco.

As bases para que os novos empresarios opten a utilizalo van sair en breve. "Para que todos os mozos emprendedores de Vedra poidan traballar aquí nun espazo habilitado para tal fin", di o concelleiro Enrique Vázquez

O Camello foi o primeiro tren español con confort para os viaxeiros. De feito, debe o seu alcume ás duas chepas onde se aloxaban as máquinas do aire acondicionado.

"Tamén un elemento moi democrático porque foi o símbolo da transición. Foi o primeiro tren que xa non tiña clases, era todo da mesma clase. Era o símbolo da modernidade que entre os 70 e os 80 estaba tratando de dar outra imaxe ao mundo", conta o arquitecto.

O vagón de Santa Cruz de Ribadulla é o único que queda en toda España.

Noticias web

25/02/2021