CRTVG

Buscar

Controlan os accesos a Sanxenxo para evitar a entrada de confinados

Publicado o 11/10/2020 14:46

A ponte do Pilar adoita ser unha oportunidade de lecer aproveitando os primeiros días de sol de outono. As vilas turísticas como Sanxenxo controlan nos accesos a orixe dos visitantes por se chegasen de localidades confinadas. Contan co apoio da Garda Civil e polo de agora non detectaron infraccións e non hai sancións.

A Garda Civil controla na rotonda de Fontoira cara a onde van os vehículos e de onde proveñen. O estado de alarma na Comunidade de Madrid e o confinamento de Ourense fan que se lles pida a documentación a algúns viaxeiros.

Tamén a Policía Local controla con este escáner conectado á DXT de onde son os vehículos e se teñen algunha incidencia poden ver se non pasou a ITV, ou se ten multas. É un instrumento non invasivo que facilita o control sen intimidar nin sin xerar atascos ou retencións.

Ata o de agora non se detectaron infraccións, o control dos madrileños é máis complexo porque houbo momentos en que si puideron saír da comunidade.

Os hoteis de catro estrelas están ao 100% e nestes días entraron vehículos de polo menos vinte provincias. A sensación de seguridade e tranquilidade é total na praia, hai quen mesmo pensa que esta ponte hai menos turistas.

A Policía Local controla tamén os momentos de maior saturación ou afluencia en paseos ou terrazas para que as normas da covid-19 se cumpran.

Noticias web

11/10/2020