CRTVG

Buscar

Contratar tarifas fixas para a luz pode saír máis caro a longo prazo

Publicado o 26/08/2021 10:35

Descifrar a factura da luz adoita ser unha tarefa complicada. Poucos entenden que é o que realmente pagan.

"Miras, intentas entender algo, pero é imposible. É pagar e nada máis", asegura un cliente.

E por iso é moi doado caer nalgún engano ao asinar determinados contratos que ofrecen as compañías eléctricas. Hai campañas de captación de clientes que aproveitan o prezos altos da luz desta etapa para que os consumidores acepten unha tarifa fixa e deixen o mercado regulado... Pero cómpre ter moito coidado coa letra pequena.

"Non se explica todo, coma sempre. Hai que mirar os prezos, as condicións de cumprimento, se os prezos se van actualizar ou non. Se vas ter unha tarifa fixa, que pasa ao final do ano se consomes máis, se hai penalización", explica Félix Caramés, asesor xurídico da Unión de Consumidores de Galicia: 

A longo prazo, segundo salientan as organizacións de consumidores, o mercado regulado ofrece unha maior seguridade.

"No mercado regulado tes os dereitos que che recoñece a regulación do sector eléctrico. No mercado libre vas adaptarte ao contrato que asines, as condicións que eles che poñen. Non vas ter dereito ao bono social nin a outros beneficios sociais para determinadas familias", asegura Caramés.

Así que, en caso de recibir unha chamada con algunha oferta deste tipo, o mellor é tomar nota destes exemplos: "A min chamáronme, pero non lles fixen caso porque xa sei dalgún que caeu niso", advirte un consumidor. Outra clienta di que nunca o fixo porque non sabe se a van enganar.

Para evitar eses enganos, antes de asinar un novo contrato, o mellor, sempre, é asesorarse ben.

Noticias web

26/08/2021