Continúan subindo os casos de coronavirus no Vicedo, Viveiro e Xove, concellos lindeiros entre si
Publicado o 17/01/2021 14:47
O Vicedo, Viveiro e Xove son os tres concellos con incidencia acumulada máis alta de casos de coronavirus, moi por enriba da media galega.
Lindeiros entre si, tamén comparten que os positivos non deixan de medrar.
O gromo de Xove afecta sobre todo á residencia de maiores. Moito persoal que traballa aquí vive fóra, de aí que os casos se espallasen con facilidade a outros concellos.
Tanto Viveiro coma Xove están en nivel máximo e teñen restricións especiais. A hostalería só pode atender nas terrazas, e non se pode saír nin entrar no concello sen razón xustificada. Son medidas para evitar contaxios.
En Viveiro volveron subir os casos positivos, e hai xa 265, 16 máis ca na xornada anterior; en Xove hai un caso menos, son 111.