Continúan investigando como accedeu á AP-9 o atropelado en Pontevedra
A Garda Civil prosegue coas pescudas para determinar por onde accedeu á autoestrada o home que morreu atropelado o sábado en Pontevedra. No lugar do accidente hai un tramo en que está moi deteriorado o valado que debería impedir o acceso de peóns e animais á AP-9.
O valado metálico da autoestrada do Atlántico neste tramo, entre os concellos de Pontevedra e Poio, é doado de pasar en numerosos puntos, debido a roturas, dobreces, perda da tensión, soportes derrubados. Son diversos os danos que evidencian que o paso do tempo non estivo acompañado do mantemento axeitado na instalación. Desta maneira é doado superar o que debería ser unha barreira para impedir o acceso de peóns e animais a unha vía de capacidade e velocidade altas.
É a zona onde o sábado morreu atropelado un mozo de Pontevedra que andaba pola autoestrada. A Garda Civil prosegue coas pescudas para determinar por onde puido entrar.
Un dos puntos de análise é a vía pola que acceden os coches de Poio en sentido Vigo. A sinalización, polo que din residentes na zona, non é suficiente e xa viron paseantes cara á autoestrada ou vindo.
Nestoutro lugar, mesmo permanece a pegada do calzado de alguén que subiu o valado e foi cara á calzada recentemente. Ao outro lado da autoestrada só está o peirao do Lérez e para chegar a el o camiño máis curto e doado é o paso debaixo da AP-9. En todo caso, residentes nas vivendas próximas aseguran fóra de cámara que sería moito máis efectivo un valado máis alto e, sobre todo, en bo estado.