CRTVG

Buscar

As cinco marchas que saíron de diferentes puntos de Cataluña seguen avanzando

Publicado o 17/10/2019 20:12

As cinco marchas que saíron de diferentes puntos de Cataluña seguen avanzando cara a Barcelona. Desenvólvense de xeito pacífico pero interrompen o tráfico nun sentido polas estradas e autoestradas por onde pasan. Este xoves, dúas delas confluíron en Martorell onde se situa a Seat. A dirección da factoría paralizou a produción e enviou á casa ata o sábado os 6.800 traballadores.

Os estudantes universitarios seguen de folga en protesta pola sentenza do procés e manifestáronse polas rúas das principais cidades. En Barcelona eran máis de 25.000. Uns poucos lanzáronlles ovos e botellas aos antidisturbios que protexían a Xefatura de Policía.

Mentres continuaban as tarefas de limpeza da batalla campal da noite anterior. O danos ao concello superan o medio millón de euros aos que hai que sumar os sufridos por particulares e negocios.
Desde o luns as forzas de seguridade detiveron 95 persoas por causar disturbios e estragos e o Goberno advirte.

Fernando Grande-Marlaska, ministro do Interior en funcións: "Ningunha dúbida, e que quede claro, que se vai seguir detendo os que teñan condutas delituosas porque non hai e non haberá impunidade".

Tras celebrarse o comité de coordinación sobre Cataluña que este xoves presidiu Pedro Sánchez, o ministro do Interior gabou o traballo conxunto das diferentes forzas de seguridade. Tamén que desde o luns quedaron feridos 197 feridos. Tres dos participantes nas protestas seguen hospitalizados. A preocupación céntrase agora no que poida pasar este venres con motivo da folga xeral convocada en toda Cataluña.

Noticias web

17/10/2019