CRTVG

Buscar

Continúa moi grave o mozo de Teo ferido nun brutal accidente na autovía do Barbanza

Publicado o 17/06/2019 13:37

Segue en estado moi grave o mozo de Teo que tivo un accidente de tráfico na autovía do Barbanza en que o seu coche quedou partido en dous, literalmente. O condutor foi atopado no seu asento, atado polo cinto, pero fóra do vehículo.

Ferido crítico quedou tamén un ciclista ao bater contra outro na localidade ourensá de Vilamarín. No que vai de ano xa van 45 vítimas mortais nas estradas galegas, 12 máis que no mesmo período do ano pasado.

Continúa en estado moi grave o mozo de Teo que quedou ferido tras un brutal accidente na autovía da Barbanza, á altura da Mercé, na Pobra do Caramiñal. O seu vehículo saíu da calzada e bateu contra a barreira de protección e o muro de formigón. O coche partiu en dous, a parte frontal quedou incrustada no muro e a traseira saíu despedida a 30 metros. O impacto foi tal, que o condutor quedou no asento e suxeito polo cinto de seguridade, pero fóra do vehículo.

Cando aconteceu o sinistro, o sol estaba de fronte e puido dificultar a visibilidade, segundo indicaron fontes oficiais. A estrada permaneceu cortada ao tráfico varias horas, e ata alí desprazáronse axentes da Garda Civil, da Policía Local, equipos de bombeiros de Ribeira e un helicóptero medicalizado, que trasladou o ferido ao Hospital Clínico Universitario de Santiago.

Tamén segue en estado grave no Hospital Universitario de Ourense, un ciclista que bateu contra outro na localidade ourensá de Vilamarín. O accidente aconteceu nesta coñecida recta de Tamallancos cando circulaban tres corredores en grupo.

Houbo outros dous accidentes este domingo. Un deles en Verín, onde un home de 63 anos quedou ferido leve por mor dunha saída de vía. Outro tivo lugar en Monforte, despois de que un coche saltara un stop e batera contra outro, deixando tres feridos leves.

No que vai de ano, as estradas galegas deixan xa 45 vítimas mortais, 12 máis que no mesmo período do ano pasado.

Noticias web

17/06/2019