Continúa en descenso o ritmo de contaxios en Galicia, con 6.947 casos activos e 547 mortos
• Nas últimas horas déronse 25 altas e houbo 56 contaxios novos
• O número de probas PCR realizadas chega ás 90.000
O número de casos activos de coronavirus en Galicia sitúase hoxe en 6.947 persoas, 56 máis ca onte, mentres que o número de pacientes recuperados é de 1.841, tras as 25 altas rexistradas nas últimas 24 horas.
Durante a xornada de hoxe, morreron 7 persoas nos hospitais galegos. No último reconto, o Sergas informou do falecemento nas últimas horas dunha muller de 89 anos ingresada no CHUVI.
Xunto con ela, as últimas vítimas desta xornada son unha muller de 87 anos que estaba ingresada no CHUAC; unha muller de 62 anos que estaba ingresada no CHUS, dous homes de 87 e 82 anos que estaban ingresados en POVISA; unha muller de 82 anos que estaba ingresada no Álvaro Cunqueiro e unha muller de 63 anos que estaba ingresada no CHUO.
Cos últimos datos oficiais, a cifra total de vítimas da pandemia en Galicia sitúase en 547 persoas, 419 en hospitais e 128 nas residencias.
Por áreas sanitarias, a distribución de casos activos é a seguinte:
• A Coruña: 1.667 casos (+8).
• Ourense: 1.325 casos (+10).
• Vigo: 1.236 casos (+17).
• Santiago: 1.061 casos (-6).
• Lugo: 675 casos (+13).
• Pontevedra: 576 casos (+7).
• Ferrol: 407 casos (+7).
Do total de pacientes positivos, hoxe hai dez pacientes menos na UCI, 73. En unidades de hospitalización están 495 enfermos (12 menos ca no reconto anterior) e 6.379 pacientes permanecen no seu domicilio.
Máis de 1.200 contaxiados son usuarios ou persoal de centros residenciais. En canto aos falecementos, repórtanse tres novas mortes entre usuarios de residencias. En total, 247 anciáns residentes en xeriátricos faleceron nesta pandemia, o que supón máis do 45 por cento do total de vítimas.
O número de PCR realizadas é de 90.000.