CRTVG

Buscar

Continúa a vacinación nas diferentes áreas sanitarias cos maiores de 70 anos

Publicado o 18/04/2021 20:32

Son da área sanitaria de Santiago, teñen máis de 70 anos e acoden a recibir a primeira dose da vacina, neste caso a de Moderna.

"Vin tranquilo de todo porque é peor o que temos detrás que o que vimos facer aquí".

Na Cidade da Cultura estaban preparados para vacinar durante todo este domingo 19 postos de enfermería. Estaban convocadas unhas 4.000 persoas. Os que acudiron dicían estar desexando volver á normalidade anterior.

"Poder andar sen máscara, ir ás viaxes do Imserso, abrazar os netos".

"Non é vida, non poder vir a Santiago, ir de compras, ir a un balneario, non podes ir".

Tamén en Vigo continuaron coa vacinación dos maiores de 70 anos no IFEVI. Estaban citadas unhas 5.400 persoas.

"Veño coa ilusión de acabar con isto dunha vez; desde que posta a vacina, penso que iremos a mellor".

Entre os vacinados, tamén por idade, o alcalde de Vigo...

E en Ourense estaban citadas para este domingo unhas 2.500 persoas. Algúns chegaban algo nerviosos; a maioría, encantados de recibir por fin a vacina.

"Viña nerviosa pero agora estou contenta porque non sentín nada".

E todo por un ben común:

"Pretendemos no verán ter un pouquiño de respiro e conseguir esa inmunidade de rabaño que se procura", di Josefa Rodríguez Araújo, Coordinadora da campaña de vacinación contra a COVID−19.

Noticias web

18/04/2021