CRTVG

Buscar

En Vigo e Santiago vacinan os maiores de 70 anos e persoas de colectivos esenciais

Publicado o 24/04/2021 21:49

Na área sanitaria de Santiago e Barbanza estaban citadas este sábado unhas 900 persoas de entre 70 e os 79 anos para recibir a primeira dose da vacina de Pfizer, tamén membros de colectivos considerados esenciais. A vacinación realizouse no Complexo Hospitalario Universitario de Santiago.

Os que acoden din vacinarse por responsabilidade, para volver facer en canto se poida a vida de antes e para reencontrarse con familiares que hai tempo que non ven:
"Teño unha filla en Valencia, é enfermeira e non a podemos ver e teño outro fillo aquí en Santiago e tampouco o vemos. Agora estamos aquí para vacinarnos, e a ver..."
"Para ver os netiños e tamén para ir tomar un 'chiquito', que tamén hai andar seguido coa máscara"
"Poder falar con todo o mundo, ir a un sitio tranquilo, ir a unha excursión, falar cos teus amigos... E agora nada, eu levo confinada desde hai un ano."

En Vigo, no Ifevi, unhas 3.000 persoas foron citadas hoxe, tamén persoas con idades comprendidas entre os 70 e 79 anos. Despois de recibiren a primeira dose de Pfizer respiraban máis tranquilos:
"Para que vaia isto ben e non haxa máis mortes"

A tarefa dos equipos de vacinación céntrase en minimizar os tempos de espera. O traballo está compartimentado, así que mentres uns inxectan, outros cargan as doses.
Mónica López Coordinadora do equipo de vacinación: "Pfizer é unha vacina que hai que reconstituír. As outras non hai que facer a dilución, entón é moito máis sinxelo. Nestas hai que ter moito máis coidado, e xente que é experta consegue sacar sete doses dos viais"

A partir do luns retómase a vacinación neste instituto feiral de Vigo. Unha xornada na que volverán citar as persoas que non acudiron a primeira vez que foran chamados.

Noticias web

24/04/2021