CRTVG

Buscar

Continúa a tendencia á baixa da incidencia en España, que está nos 142 casos

Publicado o 08/03/2021 19:06

A incidencia acumulada a 14 días continúa o seu constante descenso e sitúase este luns en 142,24 casos por cada cen mil habitantes. Os novos contaxios ascenderon esta fin de semana a 11.968 e a pandemia sumou 298 mortes máis

Segundo os datos facilitados polo Ministerio de Sanidade, a presión nas UCI tamén descende, pero a un ritmo menor, e sitúase en 24,27 por cento, con 2.471 pacientes de covid−19 ingresados nestas unidades e 9.761 no conxunto do sistema hospitalario, onde a presión baixa unhas décimas, ata o 6,81 por cento.

O número total de contaxiados en España é de 3.160.970 e o de falecidos provocados polo coronavirus de 71.436.

Fernando Simón dixo que se pode agardar que haxa "pequenas ondulacións" no descenso dos contaxios e, sobre todo, insistiu na necesidade de non relaxar as medidas de protección individual.

Xuntaza do comité de seguimento da pandemia, comparecencia de Fernando Simón.

"A situación agora é dunha transmisión máis controlada, pero aínda hai risco de que volva subir. As medidas hai que cumprilas con moito celo".

Lembrou Simón que unha de cada catro camas de UCI está ocupada por pacientes de covid−19, e valorou o progresivo descenso do número de falecidos, aínda elevado.

"É esperable que se produzan pequenas ondulacións durante o descenso que poidamos observar de aquí en adiante".

Advertiu de que as novas variantes poderían provocar unha transmisión moi rápida mentres se vaia resolvendo a vacinación.

"É certo que pouco a pouco imos tendo un incremento nas doses que imos recibindo cada semana".

Respecto á Semana Santa, Simón defende un paquete de medidas comúns.

"Calquera redución de calquera outra medida que vaia arredor desas medidas comúns ten que implicar que as que dependen de nós as apliquemos mellor".

Recoñeceu tamén unha "incongruencia difícil de explicar" en que haxa estranxeiros que poidan viaxar a España e os españois non poidan viaxar entre comunidades.