CRTVG

Buscar

Continúa a suba dos casos en España, con 52.000 positivos na fin de semana

Publicado o 26/10/2020 19:00

Este luns notificáronse arredor de 52.000 novos casos de coronavirus, 5.217 foron diagnosticados nas últimas 24 horas. Con estes datos, España contabiliza un total de 1.098.320 casos desde o inicio da pandemia. 

Ademais, a incidencia acumulada nos últimos 14 días é de 410, fronte aos 361,66 do venres. Na última semana faleceron 628 persoas pola covid−19. En total, faleceron 35.031 persoas. 

No  tocante ás hospitalizacións, hai 16.008 pacientes ingresados en toda España e 2.163 na UCI, malia que nas últimas 24 horas se produciron 1.584 ingresos e 734 altas. A porcentaxe de camas ocupadas por coronavirus sitúase no 13,72 %, e nas UCI no 24,24 por cento.

Made with Flourish

O Goberno de Aragón blinda a comunidade. Coas capitais de provincia xa confinadas dende a pasada semana, decreta o peche perimetral de todo o territorio para tentar frear a expansión do virus. A incidencia acumulada supera os 800 casos por 100.000 habitantes.

Navarra, a primeira comunidade en tomar esta medida, non dá mellorado os datos e xa está nos 1.100 casos por 100.000 habitantes. Euskadi, que sumou case 3.000 positivos, anuncia o peche perimetral a partir deste martes.

A situación tampouco mellora en Cataluña, que notificou 15.600 casos. Fernando Simón considera que a evolución está a ser desfavorable no conxunto do país.

Cunha ocupación das UCI superior ao 24 por cento, advirte da posibilidade de que algunhas unidades de coidados intensivos estean nunha situación moi complicada a mediados de novembro.

Madrid, que este luns notificou case 4.000 positivos, non descarta un peche perimetral na ponte de Todos os Santos.