CRTVG

Buscar

As probas toxicolóxicas serán claves no caso da nena morta en Muimenta

Publicado o 06/05/2019 16:40

Os resultados da autopsia da nena de sete anos que apareceu morta na súa casa en Muimenta non son concluíntes, segundo fontes da investigación.

A xuíza titular do Xulgado número 1 de Vilalba, que leva o caso, estaría agora a agardar os resultados das análises toxicolóxicas, que poden ser determinantes para coñecer as causas da morte da cativa. Trátase de esclarecer que tipo de substancia química inxerira, en que cantidade e con que frecuencia. Mentres, a vila onde residía a rapaza segue consternada pola súa perda.

"Bastante triste. Ademais, unha nena tan noviña... Foi unha pena. Era unha pequena que estaba seguido xogando. Era o forte dela. Isto é moi enfastiado".

"Porque ademais era unha familia moi coñecida, que tiveran un concesionario. Para min era unha familia boa".

A nena xa foi soterrada en Xermade, de onde era natural o seu pai. Pola súa parte, a nai continúa ingresada na unidade de Psiquiatría do Hospital Lucus Augusti de Lugo, a onde fora trasladada o mesmo día que apareceu morta a pequena. Posto que lle empeorou a doenza psiquiátrica que padecía, estanlle a subministrar a medicación necesaria e mesmo lle están a aplicar o protocolo antisuicidio.

Noticias web

06/05/2019