CRTVG

Buscar

Continúa a chegada de turistas a Mallorca, principalmente alemáns

Publicado o 21/03/2021 14:51

Continúa a chegada de turistas europeos ás illas Baleares. No aeroporto de Mallorca este domingo aterraban varios avións, principalmente de Alemaña, tamén de Dinamarca e Suecia. Os viaxeiros amosábanse entusiasmados de poder gozar novamente dunhas vacacións. Todos eles tiveron que pasar unha proba PCR.

Moitos turistas, principalmente de Alemaña, seguían chegando este domingo ao aeroporto de Mallorca despois de que Berlín levantara a semana pasada o requisito de corentena para os viaxeiros que regresen das illas Baleares. Todos eles estaban desexando poder gozar por fin dunhas vacacións, malia que o Goberno alemán aínda desaconsella as viaxes non imprescindibles.

"É a miña primeira vez en Mallorca. Case non se nos permite ir a ningún lado estes días e estamos contentos de que polo menos sexa posible vir aquí e ter unhas vacacións".

"É unha sensación incrible poder estar de regreso aquí e estamos moi contentos de que Mallorca teña unha taxa de infección tan baixa. Todos fixemos unha proba (PCR) nas últimas 48 horas", din estes turistas alemáns.

En canto ás restricións aos viaxeiros británicos, algún opinaba que "é bo que a Unión Europea estea sendo cautelosa coa xente do Reino Unido debido a todas as diferentes variantes. A apertura do corredor para Alemaña é algo bo", di este mestre británico que traballa en Eivisa.

Os turistas voaron desde varias cidades coma Frankfurt, Düsseldorf, Hamburgo, tamén de Copenhague ou Estocolmo.

"É incrible, finalmente podemos vir aquí, volver gozar da contorna e do país".
"Creo que está ben, é hora de volver á normalidade que tiñamos antes", din estas turistas.

Moitos defenden que o regreso de visitantes ás illas lle proporciona un pulo importante a un dos sectores económicos máis afectados pola pandemia.

Noticias web

21/03/2021