Continúa a vacinación, que chegou a unha residencia dunha das áreas máis castigadas: A Barbanza
Non se perde nin un día. Nin día de fin de ano, nin domingo, nin festivo. A campaña de vacinación continúa, e hoxe fixámonos en dúas residencias de maiores dunha das áreas con maior incidencia da covid: a comarca da Barbanza. As vacinas xa chegaron a usuarios e traballadores das residencias de Ribeira e da Pobra do Caramiñal.
Cos seus catro concellos perimetrados, a comarca da Barbanza é, en Galicia, unha das que máis preocupa ás autoridades sanitarias. Nestas circunstancias, a poboación das súas residencias de maiores é aínda máis vulnerable. Por iso, na comarca celebran o inicio da campaña de vacinación da covid-19. E os residentes, todos contentos e polo momento sen efectos secundarios, agardan que os días pasen rápido para poñer, canto antes, a segunda dose.
Hai poucas imaxes máis elocuentes que a cara de satisfacción de Tomasa Insua, que aos seus 91 anos pintou as unllas para tan especial ocasión. A vacina da covid era o seu maior desexo para 2021, e cumpriuse mesmo antes da súa chegada. "Dixéronme da vacina e dixen: 'Eu, a primeira. Temos que axudar'.
Outro dos vacinados hoxe, igual de elegante para a ocasión, é Marcial. A primeira dose sóubolle a pouco; "Queda un máis tranquilo, pero máis tranquilo xa quedaba se tivese xa a segunda". Un dos seus maiores desexos, explica, é poder saír dar unha voltiña por fóra da residencia.
Miguel Alamancos, o director da residencia de Ribeira, cóntanos que o que todos esperan é poder recuperar a vida normal do centro, a convivencia, os abrazos e as visitas dos familiares.
A chegada da vacina é ilusionante en toda a comarca, hoxe unha das máis golpeadas pola Covid en Galicia. Hoxe, na Pobra do Caramiñal, onde tamen vacinaron os usuarios da residencia, respirábase un pouco máis de alivio.
Xosé Lois Piñeiro, alcalde da Pobra, congratúlase do feito de que escollesen estes concellos: "Ten certa lóxica porque agora mesmo estamos sendo o epicentro da covid en Galicia".
Coa perspectiva da vacina, nos concellos da Barbanza, hoxe perimetrados e restrinxidos, pareceunos observar que o 2021 se achega polo horizonte cunha raiola de sol.