CRTVG

Buscar

Un helicóptero incorpórase ao dispotivo de busca da muller que desapareceu o sábado no rural de Compostela

Publicado o 09/08/2021 14:24

Un amplo dispositivo busca a María Chico desde o sábado á noitiña. A muller, de 76 anos, foi buscar os netos á casa dunha sobriña, situada case fronte á súa, pero nese curto traxecto, en lugar de regresar á vivenda familiar María marchou en dirección contraria e xa non se volveu saber dela. A demencia que padece está, seguramente, detrás da súa perda.

Begoña Leis González, sobriña da desaparecida, explica que "fisicamente ela está moi ben, pero padece unha demencia que lle provoca confusión".

Case de inmediato tras dar conta á policía da desaparición, familiares e veciños comezaron unha intensa busca por toda a contorna, que vai ampliando o perímetro. O tempo corre en contra.
Varios veciños que participan no rastrexo explican que "buscamos por todas partes, polo millo, polos montes, polas beiras dos camiños". Tamén se puxo á disposición das forzas de seguridade a Federación de asociacións veciñais do rural de Santiago. A súa presidenta, Cruz Veiga, é á súa vez presidenta da Asociación da Enfesta, e desde primeira hora está na zona para contactar con outras parroquias próximas e ampliar a busca.

María reside co seu home en Alemaña, pero todos os veráns vén pasalos á vivenda familiar da Enfesta. A súa familia, que encabeza activamente a busca, agradece calquera axuda. "Só pedimos que se alguén a viu ou pode achegar algunha pista que nos chame, porque como non sabemos cara onde foi estamos buscando, pero a cegas", di Begoña Leis.

O dispositivo de busca está coordinado pola Policía Nacional, con vehículos sobre o terreo e un helicóptero por aire. Tamén participa a Axencia Galega de Emerxencias, con quads e drons. A Garda Civil, a Policía Local de Santiago e Protección Civil interveñen igualmente nas tarefas de busca.

Noticias web

09/08/2021